xoves, 22 de decembro de 2022

As actividades de Igualdade no xornal comarcal Primeira Noticia


Primeira Noticia, xornal da Comarca de Ordes que edita Óscar Fraga Garabato desde Sigüeiro (Oroso) e que recolle información dos concellos de Cerceda | Frades | Mesía | Ordes | Oroso | Tordoia | Trazo, publica no seu nº 41, de| decembro de 2022, unha crónica das actividades de Igualdade realizadas no CPI Viaño Pequeño (Trazo), con especial relevo para o Manifesto elaborado polo alumnado de 4º de ESO e que xa reproducimos aquí.

Agradecémoslle moito a Primeira Noticia a divulgación das nosas actividades.


xoves, 1 de decembro de 2022

Non é Non. Infantil e Primaria do CPI Viaño Pequeno no 25 de novembro, Día internacional da eliminación da violencia contra a muller

 

Nesta xanela de Igualdade = CPI Viaño Pequeno tiñamos aínda que deixar testemuño videográfico das fermosas e reivindicativas actividades realizadas desde Infantil e Primaria na mañá do 25 de novembro, Día internacional da eliminación da violencia contra a muller

No primeiro vídeo pódese ollar como todas e todos, alumnado e profesorado, deron en xuntarse no patio con cadansúa camisola negra, coa lenda Non é Non

E no segundo vídeo a creatividade amósanos os soños futuros de nenas e nenos que son compartidos en abrazos de igualdade. Non deixedes de visionar estas dúas pezas, que en breves minutos achegan mensaxes a prol da eliminación da violencia contra as mulleres. 

Parabéns!

venres, 25 de novembro de 2022

Manifesto do 25 de novembro, Día internacional da eliminación da violencia contra a muller, elaborado polo alumnado de 4º da ESO

 


Ao mediodía do 25 de novembro, Día internacional da eliminación da violencia contra a muller, xuntámonos no patio para a lectura dun Manifesto elaborado polo alumnado de 4º da ESO, que podedes escoitar no vídeo nas voces de Lúa, Raquel e Román

Tamén podedes ler deseguida o texto elaborado e despois seguir o minuto de silencio en emocionado recordo das vítimas.

MANIFESTO

O Manifesto debería ser todos os días e non só o 25 N. (voz de Román)

Queremos non ser xulgadas por ser Nós mesmas. (voz de Raquel)

Queremos saír á rúa sen medo, non ter mandar unha mensaxe máis de que chegamos ben á casa. (voz de Lúa)

Queremos non ser acosadas, nin nas redes nin na rúa. (voz de Raquel)

Non queremos ser maltratadas, violadas e asasinadas por ser quen somos. (voz de Lúa)

Queremos ser respectadas nos nosos traballos. (voz de Raquel)

Queremos poder sentirnos seguras e non ser silenciadas. (voz de Lúa)

HOXE POR MIN, MAÑÁ POR TI (Todas as voces)



Vídeo de Sara Gómez García (3º ESO A), primeiro premio do «I concurso de vídeos Trazo de fronte ás ciberviolencias machistas», convocado polo Concello de Trazo

 

E a mañá do 25 de novembro, Día internacional da eliminación da violencia contra a muller, tivo a súa continuidade cando a alumna Sara Gómez García (3º ESO A) foi recoller, acompañada de todo o alumnado dos dous grupos de terceiro, o primeiro premio do «I concurso de vídeos Trazo de fronte ás ciberviolencias machistas», convocado polo Concello de Trazo, que podedes visionar premendo na imaxe superior.

Os nosos parabéns a Sara polo premio e ao alumnado que participou na iniciativa!👏👏

 

25 DE NOVEMBRO. DÍA INTERNACIONAL DA ELIMINACIÓN DA VIOLENCIA CONTRA A MULLER: ANTES DE SAÍRMOS DAS AULAS

 



Hoxe é 25 de novembro, declarado Día internacional da eliminación da violencia contra a muller, e nesta data senlleira nace este blogue Igualdade = CPI Viaño Pequeno, creado polo Equipo de Igualdade do noso centro educativo e ABERTO á colaboración de toda a comunidade escolar.

E abrimos esta xanela coa conmemoración realizada hoxe no CPI Viaño Pequeno, mais para calquera actividade sempre é importante a preparación previa e nas imaxes superiores podemos ollar algúns exemplos do traballo previo realizado polo noso alumnado e profesorado nos preparativos ou no resultado das imaxes e lemas que estamparon nas súas camisolas negras.

Un forte aplauso polo voso compromiso! 👏👏


Alumnado de 3º e 4º da ESO participou no programa "Que non te líen, ti elixes" na procura de orientación vocacional libre de estereotipos

Dúas formadoras do programa "Que non te líen, ti elixes" visitaron as aulas de Secundaria do CPI Viaño Pequeno para manteren un...