xoves, 26 de xaneiro de 2023

Isabel Zendal, unha muller de Ordes, primeira enfermeira da historia nunha misión humanitaria internacional

 

 

Desde o Equipo de Igualdade do CPI Viaño Pequeno (Trazo), entre as actividades a desenvolver arredor do vindeiro 8 de marzo, Día Internacional da Muller Traballadora, propoñemos realizar unha aproximación a Isabel Zendal, unha muller de Ordes, primeira enfermeira da historia nunha misión humanitaria internacional.

Como primeiro bocado reproducimos este vídeo divulgativo (13´ 45´´) que desde maio de 2022 está dispoñible no sitio web do Consello da Cultura Galega e na canle de youtube deste organismo. A súa autora Carmela Cela fai un interesante retrato biográfico de Isabel Zendal, unha muller galega, orixinaria de Ordes, concretamente nada na Agrela (Santa Mariña de Parada, Ordes) o 26 de febreiro de 1773 e finada no Vicerreinado de Nova España (actual México).

Isabel Zendal está considerada como a primeira enfermeira da historia en participar nunha misión humanitaria internacional, pois participou na Real Expedición Filantrópica da Vacina (1803-1812), dirixida polo doutor Francisco Xavier Balmis co obxectivo de levar a vacina da varíola a América, coidando dos 22 nenos da Casa de Expósitos da Coruña que nos seus brazos levaban inoculadas cadansúa dose de vacina para combater a propagación da enfermidade da varíola.

Novelas: Esta historia real foi novelada en varias ocasións.

- Julia Álvarez, novelista dominicano-estadounidense, escribiu a novela Saving the World: A Novel. Nesta obra, unha escritora descobre as similitudes sorprendentes entre a súa propia existencia e a historia de dona Isabel Sendales y Gómez, que acompañará o doutor Balmis na expedición da varíola. En castelán foi publicada co título Para salvar el mundo (Alfaguara, 2007).

- Almudena de Arteaga na novela Angeles custodios (Ediciones B, 2010) converte a Isabel Zendal nunha das protagonistas da historia.

- Javier Moro reconstruíu na novela A flor de piel (Seix Barral, 2015) a historia da expedición da vacina a través da personaxe femenina de Isabel Zendal.

- A escritora galega María Solar no libro Os nenos da varíola (Galaxia, 2017) relata a historia de Isabel Zendal Gómez como directora do orfanato Casa de Expósitos e de como pasou a formar parte da expedición.

- E en banda deseñada ou cómic o álbum ilustrado, Novo Mundo. Isabel Zendal na Expedición da Vacina, con textos e ilustracións de El Primo Ramón ( Ed. Bululú, 2018) tamén conta a vida da enfermeira.

Películas e documentais:

- 22 ángeles, producido por TVE en 2016 e baseado na novela Angeles custodios. Dirixido por Miguel Bardem, con guión de Alicia Luna e protagonizada pola actriz galega María Castro no papel da enfermeira.

- Isabel Zendal, la enfermera que cambió el rumbo del mundo (2016) Un documental de Enfermería TV, televisión creada polo Sindicato de Enfermería, SATSE, e a Fundación para el Desarrollo de la Enfermería, FUDEN, realizado por Ana Fernández, Enrique Sierra e Javier González.

Na nosa biblioteca escolar:

No blogue da nosa biblioteca bibliotrazo.blogspot.com en cursos anteriores houbo varios alumnos e alumnas que comentaron brevemente o libro de María Solar (nesta ligazón) e tres deles realizaron cadanseu booktráiler que reproducimos deseguida. Son traballos de Ana Señarís Veiras, Valeria Vásquez Fernández e Miguel Mariño Martínez.

   

 

Alumnado de 3º e 4º da ESO participou no programa "Que non te líen, ti elixes" na procura de orientación vocacional libre de estereotipos

Dúas formadoras do programa "Que non te líen, ti elixes" visitaron as aulas de Secundaria do CPI Viaño Pequeno para manteren un...